Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 27 Xullo 2026.

Volven os «12 meses de sensibilización en prol da igualdade», desta vez centrados na igualdade nos coidados desde a corresponsabilidade

    Presentación da campaña de sensibilización do Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia

    23/01/2026.
    Presentación da campaña.

    Presentación da campaña.

    Logo da pegada da primeira campaña anual de sensiblización en prol da igualdade, realizada o pasado 2025, CCOO de Galicia volve a apostar por este formato en 2026.

    Por que continuamos con esta sección do Gabinete de Igualdade?

    Trátase dunha campaña de sensibilización do sindicato para as persoas que se achegan á súa web. A finalidade é a familiarización cos termos que definen a loita por unha democracia plena, centrándonos este ano na importancia da corresponsabilidade na conciliación e os coidados.

    Como?

    Esta sección pretende ser, ademais de informativa, reivindicativa. A través da lexislación e os conceptos claves na loita pola igualdade real nos coidados, describirase outro dos eidos onde CCOO apoiamos e afianzamos o noso compromiso coa loita para erradicar a fenda salarial e a violencia de xénero; neste caso, desde a alternativa social máis equitativa para substituír o actual modelo discriminatorio de división sexual do traballo.

    Durante os vindeiros meses iremos ofrecendo, por bloques, a lexislación vixente ao respecto e as nosas reivindicacións máis recentes en prol da corresponsabilidade na conciliación como centro da loita sindical feminista.

    Canto tempo?

    Entre xaneiro e decembro do 2026 subiremos mensualmente descricións e información relativa á conciliación e a corresponsabilidade, para axudar a comprender a necesidade de que estes conceptos pasen da teoría á práctica na loita pola igualdade no traballo e mais na vida de todas as persoas. A primeira entrega chegará nos vindeiros días.